Reflexións dunha semana en corentena

21/03/2020 at 16:49 / by

Queridas familias:

Espero que todas e todos vos atopedes ben, despois dunha semana vivindo unha situación que nunca imaxinamos vivir nin no peor dos nosos pesadelos pero que me regala un tempo tantas veces ansiado para autoavaliarme e reflexionar.

Gustaríame compartir con vós as miñas conclusións:

Son consciente do esforzo que se está a facer tanto polos coles como polas familias pero lembremos que a casa non é o cole. Moitos pais e nais están traballando a reo, soportando xornadas maratonianas (sanitarios, policías, garda civís, persoal de supermercados, persoal de limpeza…); outros acaban de comunicarlle un ERTE… se a iso lle engadimos que moitas casas non contan con medios tecnolóxicos ordenadores, impresoras)  a situación complicase un pouco máis, aumentando o malestar xa instalado nas nosas vidas por ese ditoso VIRUS.

Quero transmitirvos calma. Neste intre os contidos non é o máis importante. Facede o que poidades coas ferramentas que teñades á vosa disposición para que non perdan o hábito de traballo. Que colaboren nas tarefas da casa e que usen as redes sociais con responsabilidade.

Poñamos a funcionar a creatividade! Como eu lles digo no cole “intelectus apretatus discorre que rabea”. Fagamos esas cousas que por falta de tempo vamos pospoñendo, pensemos en positivo, interioricemos que é unha situación transitoria e intentemos comunicar todo o que nos emociona, atemoriza ou nos preocupa; igual é un bo momento para escribir un pequeno diario deste traxecto que estamos a percorrer e que formará parte da historia, dunha historia que nunca houberamos desexado protagonizar.

Moito ánimo e se podedes QUEDADE NA CASA.

María José Graña Coello.

 
 

Comments are closed.