Lema do curso

Publicado por David Rial

Que teñen en común un camiño e unha mochila? Que xuntos acompañan á persoa que o percorre e constrúen historia. O primeiro ofrece sabedoría e achega unha morea de experiencias novidosas, xa que por moitos que transitemos nunca atoparemos dous iguais. Uns son rectos e permiten ver rapidamente o seu remate; outros están cheos de curvas que nos obrigan a un constante cambio de dirección. Hainos ben acomodados, cunha idílica vexetación, pero tamén de terra, lama, pedras coas que (tropezar) aprender… baleiros de xente coa que compartir o traxecto ou tan ateigados que nos impiden avanzar e marcar o noso ritmo.

O bagaxe que levamos ás nosas costas non é menos importante. Permítenos gardar todo aquelo que imos atopando e que consideramos enriquecedor. En ocasións o peso da nosa carga é tan pronunciado que perdemos a perspectiva ou nos vemos obrigados a prescindir dalgún dos seus elementos. Pese a todo, seguimos avanzando.

Así pois, a vida é unha constante construción de significados guiada polo motor dos nosos pasos. Cada decisión que tomamos afecta na forma en que nos relacionamos cos demais e tamén sobre a nosa vida.

Este curso os mestres do Colexio San Pío X queremos facer unha reflexión con vós, alumnado e familias, sobre a importancia de camiñar xuntos. Non importa a dificultade deste desafío se a vontade é maior. Agora ben, non debemos limitarnos a contar pasos, senón facer que os pasos conten. Por que non centramos a nosa atención nesta apaixonante proposta?

 

FAI QUE CADA PASO CONTE

 

  • Que cada pisada sirva para avanzar nos nosos soños e, ao mesmo tempo, sexa unha clara pegada para aqueles que veñen detrás.
  • Facer que cada paso conte implica reflexionar sobre as nosas accións e que todo acto achega consecuencias. Serve para escoitar a voz dos avós, para mellorar a empatía e observar os zapatos da xente que nos rodea.
  • Facer que cada paso conte é unha obriga que debe producir en cada un de nós unha fermosa sensación de que estamos creando vida ao redor e que sumar sempre é máis fermoso que restar

CONTAMOS?