Celebramos o Día das Letras Galegas 2018

16/05/2018 - 17:10

O 20 de marzo de 1963 tres membros da Real Academia Galega presentaron nesta institución unha proposta histórica: que se declarase o día 17 de maio de cada ano Día das Letras Galegas como data para “recoller o latexo material da actividade intelectual galega”.

A galardoada deste ano é María Victoria Moreno Márquez, unha estremeña que se sentiu galega.

O mércores 16 de maio celebramos no salón de actos o Día das Letras Galegas. Foi un breve acto no que puxemos en valor a nosa lingua xunto co alumnado de educación infantil e primaria.

O seu inicio estivo marcado pola escenificación e recitado do poema A fala de Manuel María, a cargo dalgúns cativos de primeiro de primaria. Con eles recordamos que “o idioma é a vida,a voz dos avós, o latexo…”

A fala, de Manuel María (Recitado por Laura, Javier D., Clara, Javier R., Inés, Luis e Yeray; 1º de primaria)

A seguinte quenda foi para o grupo de segundo. Ataviados para a ocasión bailaron a canción Meu mundo, producida por Paco Nogueiras e presente no libro Brinca Vai. Terceiro e cuarto de primaria tamén quixeron participar co recitado dun poema arredor dos asistentes. Deseguido, repasamos a vida e obra de María Victoria grazas ao traballo audiovisual do alumnado de quinto de primaria.

Finalmente, tres rapazas e un bailarín compuxeron un rap de trece estrofas co que cantaron e danzaron acompañados dunha base musical que eles mesmos retocaron. Unha orxinal iniciativa que puxo punto e final a un acto no que tamén se entregaron uns adhesivos conmemorativos deseñados polo EDLG coas ilustracións do artista Carlos Gallego.

 
 

Os comentarios están pechados