Paremos a Lei Celaá

05/11/2020 at 22:08 / by

Queridas familias:

Con este artigo queremos informarvos da nosa fonda preocupación pola nova lei educativa, a LOMLOE, máis coñecida como Lei Celaá, que se está a debater actualmente no Parlamento, en plena pandemia da COVID-19, cando as preocupacións das familias e de toda a sociedade son outras moi distintas.

No canto de aprazar os debates da Lei a outro período máis oportuno, o Goberno preferiu aproveitar para celebrar a súa nova Lei, sen debate e sen consenso e introducir cambios de gran calado no seu articulado que dotan as administracións de facultades cada vez máis amplas, desprazando a responsabilidade das familias como primeiras educadoras dos seus fillos.

De feito, a LOMLOE elimina a demanda social e permite distribuír o alumnado por centros, reducindo de xeito significativo a capacidade de elección das familias do colexio que queren para os seus fillos, sendo este un dereito avalado pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Ademais, esta lei desvaloriza o ensino da materia de Relixión na escola e pon en dúbida a supervivencia dos centros de educación especial, entre outros preocupantes aspectos.

A LOMLOE afecta a máis de 260.000 profesionais, docentes e non-docentes, que ven perigar a continuidade dos seus postos de traballo; aos 4 millóns de familias ás que se lles limita o dereito a elixiren o tipo de educación que mellor se adecúa ás necesidades dos seus fillos e ao proxecto educativo co que se identifican; a máis de 3 millóns de alumnos e alumnas, que elixen voluntariamente cursar a materia de Relixión en centros públicos e privados; todo isto englobado en  máis de 9.300 centros da rede concertada e privada que ven perigar a súa continuidade e función social.

En definitiva, a LOMLOE afecta ao noso colexio, aos noso profesorado, ás nosas familias e ao noso alumnado, aféctavos a vós, directamente, aféctanos a todos e a todas.

Por iso vos pedimos que vos sumedes á campaña que leva por título: Máis plurais, máis libres, máis iguais. Cara a unha escola realmente inclusiva, con todos e para todos”, á que podedes acceder na páxina web www.masplurales.es. Nela propóñense unha serie de iniciativas, como unha recollida de sinaturas contra a Lei Celaá e a prol da convivencia dos diferentes modelos educativos e dos dereitos recoñecidos na nosa Constitución.

No noso colexio, en colaboración coa ANPA, e seguindo o modelo de Más Plurales, decidimos sumarnos ás seguintes iniciativas propostas desde Escolas Católicas:

  • Asinar o manifesto que se encontra na páxina www.masplurales.es
  • Colocar un lazo laranxa co lema #StopLeiCelaá na fachada do colexio.
  • Difundir o kit da campaña nas páxinas web, redes…(carteis, vídeo, lazos…)

Porque a todos -familias, centros, docentes e alumnado- únenos o mesmo obxectivo: un sistema educativo de calidade que contribúa a unha sociedade mellor.

Convidámoste a colaborar nesta campaña.

Un saúdo.

Equipo directivo.

 
 

Comments are closed.