Carreira solidaria por Alfafar – #PasosQueSuman
Desde o primeiro día que observamos a través dos medios de comunicación os terribles efectos da DINA en Valencia preguntámonos de que xeito poderiamos contribuír coa nosa axuda a quen máis o precisa nestes momentos. Sendo un centro educativo, resulta inevitable esquecernos dunha das partes máis vulnerables da sociedade: a infancia e o seu dereito á educación, o cal se está vendo seriamente afectado.
Tras unha ampla pescuda, contactamos co Colegio María Inmaculada de Alfafar, co que compartimos valores e algúns trazos da súa identidade, para coñecer de preto a súa realidade. Este é un fragmento da súa extensa resposta:
“La realidad que vivimos por aquí es un poco agotadora, confiamos plenamente en Dios para salir adelante, pero no voy a negaros que estamos cansados y se han estropeado muchas cosas. Aún así tenemos suerte porque no han caído muros como en otros centros. En nuestro colegio el agua entró un metro en la planta baja. ¿Qué se ha visto afectado? sala de profesores, despachos (reformados de este mismo verano), ordenadores, aulas de infantil, almacén de material deportivo, almacén con 3 carros con 83 iPad, almacén de material, aula de Pt, comedor y cocina). Se ha tirado prácticamente todo..”
Qué podemos facer?
Está claro que a axuda máis valiosa que podemos aportar nestes momentos é a económica, pois reparar todos estes danos implica un esforzo e investimento considerable. Porén, creamos o lema #PasosQueSuman para levar a cabo unha CARREIRA SOLIDARIA.
En que consiste a carreira solidaria?
En correr e gozar co deporte cunha perspectiva solidaria. Todo o alumnado que decida participar percorrerá un circuíto que rodea o interior e exterior do centro. A súa distancia e duración estarán adaptadas ás idades e agruparanse nos seguintes bloques: educación infantil, 1º, 2º e 3º ciclo de educación primaria.Ao rematar leremos un manifesto conxunto , sen esquecer tamén a outras localidades afectadas.
Que se necesita para participar?
Ademais do chándal escolar e de moita ilusión por correr, cada neno/a realizará unha doazón económica que traerá no sobre pechado que entregamos especificamente para esta iniciativa. No seu interior tamén atopará unha tarxeta na que se indicarán os patrocinadores (por exemplo, “meu avó…”, “miña avoa…”, “meu pai”, “miña nai”…), sen especificar os seus nomes e apelidos.
Que significa a figura do «patrocinador/a»?
Para conseguir que esta iniciativa chegue o máis lonxe posible do noso patio queremos que o alumnado explique esta campaña solidaria á súa familia ou xente da contorna e que dela proceda unha parte da aportación económica. Tamén sería unha boa idea que cada neno/a renuncie a algún gasto persoal (refrescos, lambetadas…) e lle pida á súa familia que o engada no sobre.
Por que solicitamos algúns datos na ficha que vai no interior do sobre?
O Colexio San Pío X só actúa como intermediario para entregar os fondos que se recaden. Por cuestións legais e de supervisión é necesario que dispoñamos dun resgardo no que queden identificadas todas as doazóns. Esta información será tratada de maneira confidencial e non será cedida a terceiros.
Como se xestionará o diñeiro recadado?
Unha vez que se celebre a carreira os titores/as abrirán os sobres nas súas aulas, polo que o alumnado serán testemuñas do reconto. As fichas que conteñen os sobres con datos persoais non serán amosadas ao alumnado, sendo tratadas de xeito confidencial e quedarán custodiadas na secretaría do centro. No Claustro que se celebre o día 2 de decembro de 2024 ás 17.00 horas farase o mesmo cos sobres das aportacións realizadas polo profesorado e demais colaboracións externas. Cando se obteña a cifra total dos fondos obtidos publicarémolo nas redes sociais, realizaremos unha transferencia/ingreso bancario ao Colexio María Inmaculada e amosaremos tamén o xustificante correspondente.
Ligazóns de interese
Colegio María Inmaculada (Alfafar) Folleto informativo da carreira solidaria
Ficha de participación para alumnado Ficha de participación para profesorado e colaboracións externas