Navega con sentidiño

A educación dixital é unha tarefa compartida entre a escola e as familias. Acompañar á infancia no mundo dixital é tan importante como facelo no mundo real. Aquí explicámosche a nosa visión pedagóxica e tamén atoparás recursos, guías e ferramentas para informarte, resolver dúbidas e fomentar un uso seguro, responsable e equilibrado da internet e das novas tecnoloxías.

Ademais, se tes algunha preocupación relacionada con estes asuntos lembra que tamén podes contar con nós para orientarte e que te guiemos na procura de solucións.

20+

recursos variados

chromebook 2

o desafío de educar nun mundo «conectado»

A nosa visión da tecnoloxía

01.

A tecnoloxía é un medio, nunca un fin.

No noso centro entendemos que a tecnoloxía debe estar ao servizo da educación e non ao revés. Por iso, non empregamos dispositivos por rutina nin porque estean de moda, senón cando realmente contribúen a mellorar a aprendizaxe, facilitar a comprensión dun contido ou enriquecer unha experiencia educativa. O importante non é utilizar máis tecnoloxía, senón utilizala mellor.

02.

Equilibrio entre o dixital e o analóxico

Cremos nunha educación equilibrada, na que a tecnoloxía convive con outras formas de aprender. A lectura, a escritura manual, a resolución de problemas, o traballo cooperativo, a actividade física, a creatividade ou a experimentación seguen ocupando un lugar fundamental no noso día a día. As pantallas son unha ferramenta máis, pero nunca substitúen a riqueza das experiencias presenciais nin das relacións humanas.

03.

Preparados para un mundo cada vez máis dixital

O alumnado debe adquirir competencias dixitais que lle permitan desenvolverse con autonomía, seguridade e sentido crítico. Para iso, o centro dispón de Chromebooks propios que se poñen gratuitamente á disposición do alumnado para complementar determinadas actividades e proxectos. En 3º e 4º de primaria empréganse principalmente para tarefas grupais e experiencias compartidas, mentres que en 5º e 6º permiten ampliar as posibilidades de traballo individual e colaborativo. Sempre cun uso progresivo, responsable, supervisado e adaptado á idade do alumnado.